PONTEVEDRA> Haberá que agardar ata mediados do 2025 para o ver o Gran Montecelo en funcionamento. É a data que manexa a Xunta de Galicia para a posta en marcha do hospital pontevedrés. Hoxe houbo unha nova visita ás obras, a primeira dos novos conselleiros de Sanidade e de Infraestruturas. Actualmente o proxecto atópase ao 75% da súa execución.
Primeira visita dos novos conselleiros de Sanidade e de Planificación de Infraestruturas ás obras do Gran Montecelo. Hoxe percorreron as instalacións do futuro hospital, que se atopa ao 75% da súa execución.
Os cálculos da Xunta apuntan a que o hospital poderá estar funcionando a mediados de 2025. Non así o novo aparcadoiro de 900 prazas e a cafetería, que non serán unha realidade ata 2026.
O custo das obras aumentou dende os 122 millóns de euros previstos inicialmente aos 170 millóns. Para equipar os novos servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica, o investimento roldará os 8,8 millóns de euros.
Xunto aos conselleiros, visitaron as instalacións representantes do concello e da Deputación de Pontevedra. Tanto o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores como o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, destacaron a importancia deste novo equipamento, froito da colaboración institucional.











