O concello de Noia acomete a mellora no acceso a varios núcleos no Plan de Camiños Rurais

NOIA> O concello de Noia segue a traballar na mellora dos camiños rurais cunha serie de actuacións para acondicionar o firme no acceso a varias aldeas. As próximas obras centraranse na conexión entre Sobreviñas e A Baia e o núcleo de Sampaio.

O concello de Noia vén de aprobar varios proxectos incluídos no Plan de Mellora de Camiños Rurais. Un deles contempla a pavimentación e canalización de pluviais  no treito entre o Pazo de Pena do Ouro en Sobreviñas ata a Baia.

Esta actuación súmase á prevista en Sampaio para mellora a conexión con Santa María de Roo e ás xa executadas nos lugares da Rasa, Vilardante e Vilfabeiro.

En paralelo a estas actuacións centradas no rural, o concello ten previsto iniciar de xeito inminente as obras de pavimentación e construción de beirarrúas na rúa da Igrexa que conecta con Santa Cristina de Barro. Os traballos xa están adxudicados e dependen da finalización das obras de travesía de Noia posto que se trata dunha vía adxacente na que tamén se pretende favorecer a accesibilidade.