A evolución dos contaxios en setembro, o motivo para ampliar as restricións en Vilagarcía

VILAGARCÍA> En Vilagarcía hai 57 persoas positivas en coronavirus. Hoxe a vila estreou novas medidas restritivas para frear o avance da pandemia. Dende o Servizo Galego de Saúde explicaron ao alcalde que a decisión debeuse á evolución ascendente que se rexistrou no mes de setembro. Alberto Varela non cuestiona esta determinación, pero si as formas. Reclama que se teña en conta aos concellos, con datos diarios e actualizados da enfermidade no municipio, e que se concedan máis recursos para afrontar as medidas extraordinarias.

Con 57 positivos por coronavirus no concello, Vilagarcía de Arousa estrea medidas restritivas especiais para frear o avance da pandemia. Como xa é tendencia nesta segunda vaga, a maioría de infectados teñen entre 20 e 30 anos, seguido do grupo de entre 30 e 40.

A decisión tomouna o Servizo Galego de Saúde, e foi comunicada onte ao goberno local. As medidas non se concretaron ata a publicación do DOG ás dez da noite.

Prohibidas as reunións de máis de dez persoas, capacidade dos establecementos ao 50% e terrazas ao 75%, eventos exteriores cun límite de asistencia de 150 persoas e 60 para os interiores… son algunhas das medidas que xa están en vigor en Vilagarcía.

Para cumprilas e para facelas cumprir, Varela reclama máis información; tamén máis recursos para os concellos.

Dende a área sanitaria Pontevedra-Salnés tamén pediron ao concello unha listaxe de contactos do Servizo de Axuda no Fogar, da Policía Local e dos hostaleiros do municipio. A intención é, segundo comunicaron a Alberto Varela, sometelos a todos a probas PCR pola súa exposición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí