Educación confirma ás familias da Lomba a supresión dunha aula de infantil e anuncia máis recortes

VILAGARCÍA> Tampouco haberá cambios nos plans da Xunta de Galicia para o colexio da Lomba, en Vilagarcía. Esta mañá representantes das ANPAS deste centro e do Anexo mantiveron unha reunión en Pontevedra co xefe territorial de Educación. César Pérez Ares confirmoulles a supresión dunha das tres liñas de 4º de Infantil. En concreto, será unha das dúas coas que ata o de agora contaba o colexio da Lomba. Tamén perderán unha praza docente e outra de docente de apoio de audición e linguaxe. As familias lamentan a falta de vontade negociadora e anuncian que seguirán coas mobilizacións.

A reunión desta mañá co xefe territorial de Educación en Pontevedra só serviu ás familias do colexio da Lomba para confirmar os peores anuncios. O centro perderá unha das tres liñas de 4º de Infantil coas que contaba. Será en concreto unha das dúas que tiña o centro principal.

Así, no colexio da Lomba haberá unha clase con 18 nenos, un deles con necesidades educativas especiais. No caso do Anexo, manterase unha única aula con 8 alumnos.

Pero as malas novas para as familias non quedaron aí. Pérez Ares confirmoulles a supresión xa anunciada dunha praza de docente de Educación Infantil. O centro perderá tamén unha de docente de apoio de audición e linguaxe. Pasarían a ser dúas, tendo en conta que unha delas atende tamén á Escola Unitaria de Aralde.

Os representantes das ANPAS da Lomba e do seu Anexo saíron da reunión lamentando a falta de vontade negociadora por parte de Educación. Non houbo opción, din, de agardar ao curso que vén para aplicar estes recortes e facelo de xeito coordinado. Tamén séntense enganados, ao anunciar estes cambios tralo período de matriculación.

Tralo encontro de hoxe, as familias xa anunciaron que manterán as mobilizacións. Polo de momento, pensan levar as súas protestas ao pleno de Vilagarcía. Ademais, o BNG xa lles trasladou que presentou varias iniciativas no Parlamento de Galicia ao respecto. Tamén están a estudar a convocatoria dunha concentración na vila vilagarciá.