A ANPA do IES de Vilalonga mantén as protestas para reclamar a cesión do pavillón

SANXENXO> Tamén arrincan o curso con reivindicacións no Instituto de Vilalonga, en Sanxenxo. A comunidade educativa protesta pola decisión de non deixarlles empregar o pavillón para as clases de educación física; algo que se fixo durante anos. O motivo, unha vez máis, o protocolo de seguridade sanitaria fronte ao coronavirus. A Consellería de Educación non está disposta a garantir a súa desinfección, e o concello non quere asumir estas tarefas, ao ser unha competencia autonómica.

A comunidade educativa do instituto de Vilalonga non está disposta a renunciar ao uso do pavillón para as clases de educación física. A semana pasada a ANPA convocounos a unha mobilización antes de comezar o curso. Hoxe, despois do inicio das clases, volveron protestar.

Pais, profesores e alumnos defenderon hoxe as súas reclamacións a golpe de exercicio. Cunha improvisada clase de educación física ás portas do pavillón, puxeron en valor o importante esforzo do claustro para cadrar os horarios.

Hai máis de 20 anos que o concello cede as instalacións ao instituto para impartir estas clases. Algo que a comunidade educativa defende que se podería seguir facendo.