RIANXO> A Policía Local de Rianxo está a desenvolver un intenso dispositivo de seguridade e control do tráfico durante as festas da Guadalupe. Mañá, último día das celebracións, agárdase gran afluencia de xente polo que habilitaron varios estacionamentos periféricos co fin de non colapsar o casco urbano.
A través dun comunicado que vén de publicar, a policía local de Rianxo fai unha serie de recomendacións para evitar atascos e aglomeracións mañá, último día das Festas da Guadalupe cando máis xente se agarda.
Recomendan ós condutores, especialmente aqueles que van marchar ó remate da cantata da Rianxeira, que fagan uso dos estacionamentos habilitados nas entradas da localidade. Os que accedan dende Leiro e Isorna ou dende Catoira e Pontevedra, disporán dunhas mil prazas nas zonas de Punta Fincheira, Xogo dos Bolos e Cemiterio. Os coches procedentes do resto do Barbanza poden estacionar nas áreas recreativas da Torre e O Pazo, Rianxiño e Arcos Moldes. Aconséllase tamén á mocidade facer uso do transporte colectivo xa que se reforzarán as liñas de autobús e o servizo de taxis.
En materia de seguridade, despregarase un dispositivo especial coa intervención da Policía Local e a Garda Civil, bombeiros, Protección Civil, Ambulancias así como o punto de información e asistencia Espazo Violeta que se atopará no paseo da Ribeira. Tamén se adoptarán medidas extraordinarias dentro do Plan Especial de Seguridade no que respecta ó despexe das vías de acceso e desaloxo do campo da Festa.