O Concello de Pontevedra tratará de dar resposta ás demandas da protectora Os Palleiros

PONTEVEDRA> Marcos Rey estreouse hoxe como concelleiro de Benestar Animal de Pontevedra. O edil socialista visitou esta mañá as instalacións do refuxio dos Palleiros para coñecer de primeira man as súas demandas. Unha das primeiras medidas que se executará será a renovación da cuberta da canceira.

Marcos Rey deu hoxe o seu primeiro paso como concelleiro de Benestar Animal de Pontevedra. O edil socialista decidiu visitar estas instalacións para coñecer todas as demandas que ten actualmente a protectora Os Palleiros. A súa presidenta, Gloria Cubas, e a vicepresidenta, Beti Suárez, foron as encargadas de trasladarlle as peticións máis urxentes.

A renovación da cuberta é unha necesidade perentoria para esta protectora e por iso o Concello está a traballar xa no deseño desta actuación.

A crise da Covid afectou tamén directamente a esta protectora. O refuxio paralizou as adopcións durante os meses de confinamento pero os abandonos non pararon de crecer.

Co obxectivo de seguir dando resposta as demandas desta protectora, o edil de Benestar Animal volverá a reunirse nos vindeiros días coa directiva dos Palleiros. Nese encontro, tratarase de chegar a un acordo sobre a renovación do convenio entre este colectivo e o propio Concello.