A pontevedresa Carmen Quinteiro, nominada a mellor profesora de España

PONTEVEDRA> A pontevedresa Carmen Quinteiro foi seleccionada como unha das mellores mestras de toda España. A profesora do colexio A Xunqueira I é unha das finalistas do IV Premios Educa Abanca. Uns galardóns que poñen en valor a súa traxectoria profesional.

Carmen Quinteiro figura xa como unha das mellores mestras de toda España. A escritora e profesora pontevedresa acaba de ser nominada á IV edición dos Premios Educa Abanca. Este galardón é moi especial para todos os mestres xa que son as familias e os alumnos os encargados de enviar as candidaturas. Uns premios que este ano contaron con máis de 1.000 propostas.

A traxectoria de Carmen Quinteiro é xa coñecida na cidade. Tras máis de 20 anos educando aos máis pequenos, esta mestra ilusiona cada ano a todo os alumnos da Xunqueira I cun proxecto no que a natureza, a arte e as emocións son os tres piares fundamentais.

A pesar de ser seleccionada como unha das mellores profesoras de España, Carmen está convencida de que o seu proxecto non sería o mesmo sen a curiosidade que demostran os máis pequenos nas clases. Porque sen dúbida, a curiosidade é o gran motor da aprendizaxe.

Carmen asegura que este recoñecemento foi moi gratificante para ela, porque con el sentiu, unha vez máis, a complicidade das familias.

Tras converterse nunha das finalistas, Carmen terá agora que enviar os seus méritos, que serán valorados polo Comité de Baremación. Finalmente, será o 10 de xaneiro cando se dea a coñecer o nome do Mellor Docente de España pero, independentemente de quen o consiga, Carmen sempre será a gañadora para eles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí