As familias do Villa de Pitanxo reclaman que ‘a mellor homenaxe’ é buscar aos desaparecidos

PONTEVEDRA> Antes desta reunión coa armadora do Villa de Pitanxo, as familias da tripulación estiveron na subdelegación do Goberno en Pontevedra. Tras unha reunión de case dúas horas con Maica Larriba, volveron abandonar o edificio enfadados e sen compromisos firmes do executivo. Hoxe, 21 de febreiro, é día de loito oficial no Estado polo naufraxio, pero os familiares dos desaparecidos téñeno claro: a mellor homenaxe é que se retome a busca canto antes.

Pendentes do reloxo e da previsión meteorolóxica en Terranova, as familias dos tripulantes do Villa de Pitanxo que continúan desaparecidos reclaman actuacións urxentes.

Esta mañá volveron reunirse coa subdelegada do Goberno. As familias trasladaron a Maica Larriba unha carta dirixida a Pedro Sánchez reclamando que se retomen os labores de busca.

Pero as familias abandonaron a reunión de case dúas horas sen esperanzas nin compromisos firmes.

Deste encontro con Maica Larriba saíron tamén enfadados. Acusan ao goberno de ter xa tomada a decisión de non buscar aos seus familiares desaparecidos.

Mentres, dende a Fiscalía Provincial de Pontevedra confirmaron hoxe que xa se abriron dilixencias para acelerar o máximo posible a declaración de falecemento dos 12 mariñeiros desaparecidos no naufraxio. Trátase dun trámite necesario para que as familias poidan xestionar cuestións como as pensións de viuvez ou orfandade.