NOIA> A concellería de Servizos Sociais que dirixe Marisol Villar vai poñer en marcha un novo servizo de estimulación cognitiva para maiores a domicilio. A inscrición para participar na iniciativa, que se levará a cabo cumprindo estritamente as normas sanitarias en vigor, estará aberta ata o vindeiro 30 deste mes de outubro.
O departamento de Servizos Sociais noiés está ultimando a posta en marcha dun novo servizo de estimulación cognitiva. O servizo está dirixido a persoas maiores de 60 anos, con ou sen deterioro cognitivo. Será impartido por unha psicóloga e terá unha duración de dúas horas á semana a realizar no propio domicilio da persoa solicitante.
Este taller enmárcase dentro das actividades que organiza o Concello de prevención da covid, e virá a dar resposta a unha necesidade que coa chegada da pandemia se veu suspendida.
Dende o Concello fan un chamamento a participar na actividade. As persoas interesadas neste servizo xa poder realizar a súa correspondente inscricións nos baixos do Concello. O prazo estará aberto ata o vindeiro 30 deste mes de outubro. Agardan cubrir un mínimo de trinta prazas.