OUTES> Outes acollerá a terceira edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo. Desenvolverase na localidade os días 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro. Trátase da única mostra con carácter internacional de cinema documental de Galicia, centrada no medio ambiente mariño e na pesca sostible.
Despois das dúas primeiras edicións celebradas no concello de Carnota, a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo chega a Outes. E faino por unha forte aposta realizada polo Concello por este tipo de eventos de cara a promocionar e dar a coñecer o municipio, non só na nosa comunidade, senón tamén en todo o mundo polo seu carácter internacional.
A mostra desenvolverase os días 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro en dous escenarios principais. A casa de Cultura e o Náutico do Freixo. Eses días desenvolveranse diferentes actividades que incluirán proxeccións, exposicións, mesas redondas e talleres.
A mostra segue a súa liña programática centrada e comprometida co medio ambiente mariño e a pesca sostible.
Para coñecer con máis detalle a programación de actividades da Mostra, os interesados poden consultar a web: maresdafindomundo.gal. Como en anos anteriores o evento conta tamén co patrocinio da Deputación da Coruña.