PONTEVEDRA> A capital da provincia celebrará en novembro o “Mes da Memoria”. O Concello presentou hoxe unha ampla programación que se centrará en homenaxear ás familias pontevedresas exiliadas pola represión franquista. Dende o día 5 ata o 27 haberá actos culturais, artísticos e sociais.
A Pontevedra exiliada protagonizará en novembro o Mes da Memoria. O Concello presentou hoxe unha ampla programación que se desenvolverá dende o 5 de novembro ata o día 27. O primeiro acto terá lugar no Teatro Principal e nel a radio será o fío condutor.
A segunda cita será a tradicional ofrenda floral aos 12 pontevedreses asasinados o 12 de novembro de 1936. O acto terá lugar neste monolito ás 19:00 horas.
A programación do “Mes da Memoria” continuará o venres 20 ás 20:00 horas no Teatro Principal coa proxección da película “Nación”.
“O Mes da Memoria” pechará coa inauguración dun panel explicativo sobre Josefina Arruti na rúa que leva o seu nome. Ademais, ese mesmo día presentarase no Culturgal un cómic sobre a súa vida. “Os berros da motocicleta” é o título deste traballo realizado polo ilustrador Kiko Dasilva.