O ‘ollomóbil’ volve ás rúas e estrea un sistema que lle permite desdobrarse

PONTEVEDRA> O ollomóbil xa volve patrullar as rúas de Pontevedra. Farao, iso si, renovado, despois dun ano e medio sen funcionar. A Policía Local retomará así esta ferramenta para o cumprimento das normas do tráfico en Pontevedra, principalmente no que se refire ao control dos aparcadoiros.

Había xa ano e medio que o ollomóbil non patrullaba as rúas pontevedresas. Hoxe este sistema volveu á carga para controlar o cumprimento das normas do tráfico en Pontevedra.

Faino, ademais, un xeito totalmente renovado. Agora ten un software actualizado e está composto de dúas cámaras que permitirán controlar ambas beirarrúas ao mesmo tempo. Os dispositivos poderán separarse, empregándose ao mesmo tempo en dous vehículos diferentes.

Durante a pandemia, a función principal dos axentes da Policía Local foi o control do cumprimento das medidas anticovid. Dende o concello explican que Pontevedra volve así á normalidade.

O funcionamento será o mesmo que no caso do anterior. As cámaras captarán as matrículas dos infractores e gravarán un vídeo. Ademais os que incumpran serán notificados ao momento, xa que os axentes imprimirán a denuncia e a deixarán no parabrisas.

O concello investiu 16.600 euros neste novo sistema para o ollomóbil.