A presión da pandemia pecha a hostalería e estende as restricións á mobilidade a sesenta concellos

GALICIA> Peche da hostalería e extensión das restricións de reunión e mobilidade a sesenta concellos de toda Galicia durante un mes. A Xunta de Galicia anunciou este mediodía a ampliación das limitacións para frear o avance da pandemia. Nesta listaxe continúan Pontevedra e Poio e súmanse agora Barro, Vilagarcía, Vilanova, Cambados e O Grove. As medidas entrarán en vigor o venres ás tres da tarde.

Sesenta concellos galegos someteranse dende as 3 da tarde do venres a medidas máis restritivas para frear o avance da pandemia.

Tamén se limita a entrada e saída dos concellos, establecendo zonas que comparten peche perimetral. Entre os incluídos na listaxe, os veciños de Pontevedra, Poio, Marín, Barro, Vilaboa, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior poderán moverse entre estes termos municipais. Na área do Salnés, aplícanse as restricións en Vilagarcía, Vilanova e Cambados, que comparten perímetro, e O Grove. No caso do concello meco, está prohibida a entrada e saída do municipio.

Ademais, nestes concellos as reunións limitaranse aos convivintes, a práctica deportiva terá que ser individual e tamén se reduce a capacidade nos establecementos culturais. Estas limitacións súmanse ás que están en vigor en todo o territorio, como o toque de queda entre as 11 da noite e as 6 da mañá e a capacidade dos comercios ao 50%. Aplicaranse, en principio, durante un mes.

Polo de momento, ningún concello das comarcas do Barbanza nin de Muros-Noia está incluído nesta listaxe de municipios con restricións especiais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí