Preocupación no colexio de Santo Andrés de Xeve polo impacto que terá na súa contorna a A-57

PONTEVEDRA> O proxecto da A-57 preocupa á comunidade educativa do colexio de Santo Andrés de Xeve. A plataforma de afectados, unha representante da ANPA do centro e a asociación STOP Accidentes alertaron hoxe do impacto que o segundo treito da infraestrutura terá na contorna deste colexio. Aseguran, ademais, que esta vía de alta capacidade botaría por terra o traballo realizado para converter os arredores do centro nun espazo de mobilidade amable e segura.

A comunidade educativa do colexio de San Andrés de Xeve e a asociación STOP Accidentes súmanse aos colectivos que se opoñen á construción do segundo treito da A-57.

Sinalan dende a ANPA que o centro se atopa nun enclave privilexiado, rodeado de natureza, que se vai ver gravemente afectado pola construción da autovía. Tamén temen as molestias que unha obra desta envergadura pode provocar nas clases.

A presidenta de Stop accidentes non agochou tampouco a súa sorpresa por que o concello de Pontevedra apoie a construción desta infraestrutura que, dixo, non encaixa na aposta que Miguel Anxo Fernández Lores encabeza dende a súa chegada á alcaldía. No seu lugar, Picard apostou polo arranxo das estradas secundarias.

Pola súa banda, dende a Plataforma de Afectados instaron aos grupos políticos a realizar un seguimento ante o Ministerio dos Transportes dos acordos adoptados por unanimidade no concello e na Deputación de Pontevedra. Tamén piden ao Parlamento galego que secunde estes acordos e ao delegado do Goberno en Galicia que defenda os intereses dos veciños en Madrid.