Prisión para un noiés acusado de roubo con violencia, apropiación indebida e varias estafas

NOIA> A Garda Civil de Boiro en colaboración coa Policía Local de Noia, detivo a un veciño desta última localidade coma presunto autor dun delito de roubo con violencia, outro de apropiación indebida e tres delitos de estafa.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado a investigación iniciouse tras a denuncia presentada por unha veciña de Rianxo á que supostamente enganou, facéndose pasar por instalador dunha compañía eléctrica.

Ó parecer cobroulle uns 250 euros pola substitución do contador da vivenda, pero nunca chegou a realizala.

Durante a investigación os axentes puideron comprobar como o agora prendido tiña tamén pendente unha denuncia dunha empresa de alugueiro de vehículos de Santiago por apropiación indebida, ó non devolver o turismo alugado.

Pero as súas falcatruadas non acabaron aquí. A Garda Civil puido comprobar que estaba tamén implicado en dous delitos de estafa nunha gasolineira de Noia, onde realizou dúas recargas sen o correspondente pago.

Por último comprobouse tamén que foi o autor dunha agresión na rúa, en Noia, a un veciño da localidade, ó que golpeou en reiteradas ocasións ata lograr subtraerlle o diñeiro en efectivo que portaba.

Despois de pasar a disposición do Xulgado de Instrución de Garda de Noia, o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí