PONTEVEDRA> ‘A derradeira leición do mestre’, de Castelao, xa está no Museo de Pontevedra. A obra cumio do artista e galeguista foi recibida hoxe no Edificio Castelao. Aquí estará exposta dende o vindeiro 25 de xuño ata setembro, cedida polo Centro Galicia de Bos Aires, na Arxentina. Ao seu redor articularase unha ampla programación relacionada coa peza e co legado de Castelao.
O Museo de Pontevedra xa custodia a obra cumio de Castelao. ‘A derradeira leición do mestre’ chegou hoxe ao Edificio Castelao, poñendo fin a unha viaxe de nove días dende o Centro Galicia de Bos Aires.
En Pontevedra o cadro foi recibido cun amplo dispositivo de seguridade. Medidas que se aplicaron tamén ao seu traslado. Ademais, á súa chegada o persoal do Museo de Pontevedra inspeccionou a pintura para comprobar que se atopa nas mesmas condicións que cando partiu da Arxentina.
‘A derradeira leición do mestre’ poderá visitarse no Edificio Castelao a partires do 25 de xuño. Permanecerá en Pontevedra ata o 27 de setembro, cando regresará a Bos Aires. Ao seu redor, a Deputación ten deseñada unha ampla axenda relacionada coa obra e o legado do seu autor.
Entre os días 22 e 23 de xuño celebrarase o seminario “Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira lección do mestre e a emigración galega en América”. O 27 está programado un concerto da Coral Polifónica de Pontevedra e o 28, conmemorarase o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do 1936. E en agosto, o día 17, lembrarase a figura de Alexandre Bóveda polo 90 aniversario do seu fusilamento con motivo do Día da Galicia Mártir, episodio que recolle o cadro de Castelao. Ademais, haberá visitas guiadas, obradoiros infantís de verán e actividades complementarias da man da Fundación Bóveda e Castelao.











