Un mes para ver rematado o núcleo de centralidade de Marcón

PONTEVEDRA> As obras do núcleo de centralidade de Marcón, en Pontevedra, entran na súa recta final. A intención é que os traballos estean rematados no prazo dun mes. Como novidade, a intervención incorpora un novo sistema de drenaxe sustentable para evitar danos por escorrentía nos camiños.

No prazo dun mes os veciños de Marcón poderán gozar do seu novo núcleo de centralidade. As obras encaran a fase final do proxecto, dirixido a mellorar a contorna da casa parroquial. Está a renovarse o campo da festa, con novo mobiliario urbano e alumeado.

A actuación no núcleo de centralidade, que conta cun orzamento de case 500 mil euros, inclúe tamén a mellora das conexións cos lugares de Sabarís, Valadares, Carrasco e Marcón.

Destacan dende o concello unha aposta novidosa nesta obra. Trátase dun novo sistema de drenaxe sustentable, incorporando pozos filtrantes para evitar que as escorrentías danen os camiños.

Fernández Lores reclamou tamén á Xunta a instalación du paso de peóns elevado na estrada PO-542, de titularidade autonómica. A medida xa fora rexeitada pola Consellería de Infraestruturas, por tratarse dun vial que soporta tránsito de vehículos pesados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí