MUROS> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o concello de Muros. Acompañado pola alcaldesa, Inés Monteagudo, puido ver de primeira man o resultado de varias obras que se están a acometer no municipio con financiamento provincial, como é o caso da mellora realizada no pozo do Chalón ou a reforma do cine París.
O presidente da Deputación realizou esta mañá unha visita institucional ó concello Muros. A finalidade da mesma non era outra que coñecer o resultado de diversas actuacións xa realizadas ou en execución con financiemento do organismo provincial. Así unha das primeiras obras que visitou foi a realizada no pozo do Chalón, que permitiu ó Concello mellorar a imaxe da zona e poder resolver un problema de vello derivado dunha deficiente recollida de pluviais.
Posteriormente a comitiva de autoridades desprazouse tamén ata o cine París, onde se están a executar actualmente a súa reforma, coa instalación dunha nova cuberta e a estabilización dos paramentos exteriores, pata evitar así o seu derrubamento.
Ademais do financiamento destas dúas importantes obras, Valentín González referiuse tamén ó incremento significativo deste ano do Plan Único do que poderán beneficiarse tódolos concellos da provincia, entre eles o de Muros.
Posteriormente o presidente provincial mantivo un encontro co sector pesqueiro da localidade, no que tamén estivo presente o patrón maior, Daniel Formoso. Durante a xuntanza o presidente do organismo provincial interesouse pola situación actual e as diferentes problemáticas que se lle presentan a un sector, para el, estratéxico non só na economía local, senón tamén da provincia. Valentín González aproveitou este encontro para anunciarlle ó pósito unha achega duns 17 mil euros dentro da liña de subvencións que a Deputación pon en marcha tódolos anos coa finalidade de axudar ás economías das confrarías de pescadores, dotada no seu conxunto con medio millón de euros.