A asociación Ribadumia Agárdate estréase coa campaña de nadal

RIBADUMIA> Ribadumia volve contar cunha asociación de comerciantes da vila. A nova agrupación preséntase este nadal cunha campaña para incentivar ás vendas.

O tecido empresarial de Ribadumia únese nunha asociación para loitar polos intereses dos negocios da vila. Baixo o nome de Ribadumia Agárdate a agrupación comeza a súa traxectoria con 40 establecementos. O obxectivo é fomentar as compras nos negocios da vila e atraer clientes doutros concellos.

A asociación estrease cunha campaña de Nadal. Dende a agrupación preparan diferentes iniciativas como a creación dun spot de nadal, sorteo de vales de compra e rascas de premios para os clientes dos establecementos asociados e dous concursos de decoración a través das redes sociais, tanto nos establecementos como nos fogares.

A campaña de nadal de Ribadumia Agárdate conta coa colaboración de Pepo Suveos. O actor remarcou a importancia da unión dos pequenos comercios e as vantaxes de comprar neles.

Outras das campañas que ten prevista a asociación é unha recollida de xoguetes solidaria. Os interesados en participar poderán facer as súas doazóns no concello de Ribadumia, no rincón de Cris e nos Castaños. Dende o concello tamén aportan o seu gran de area e preparan unha iluminación en toda a vila para invitar á xente a percorrer as rúas. O acendido terá lugar o vindeiro día 5 pero nun acto pechado para evitar aglomeracións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí