Lixeiro repunte no número de delitos en Ribeira durante o pasado ano

RIBEIRA> Esta mañá a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidía, xunto co alcalde, Manuel Ruíz, a Xunta Local de Seguridade. Na reunión acordouse tamén impulsar novas medidas para avanzar na loita contra a violencia de xénero.

O salón de plenos do Concello foi o lugar escollido para a celebración da xunta local de seguridade. A reunión estivo presidida, ademais de polo alcalde, Manuel Ruíz, pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Na sesión analizáronse os datos de delincuencia rexistrados no municipio no que vai de ano, observándose uns índices de seguridade que se manteñen en cifras semellantes ás do ano anterior.

Os datos correspondentes a 2020 veñen determinados pola situación sanitaria e o período de confinamento e restricións, polo que se tomou como ano de referencia o anterior. Non obstante, houbo un lixeiro aumento das infraccións penais pero en gran parte foi debido ó notable incremento de delitos informáticos e cibernéticos, que experimentaron unha subida do 47 por cento, dentro da liña existente en todo o territorio español.

Na xuntanza acordouse igualmente incidir na vixilancia e control dalgunhas zonas da cidade a pesar de ser conscientes de que situacións como as que se están a dar nas Abesadas no edificio ocupado, foco de continuos problemas, pasan pola vía xudicial.

Ademais, tanto Policía Nacional como Policía Local e Policía Autonómica intensificarán as súas accións contra o consumo de alcohol na vía pública ou a venda de alcohol a menores.

A xunta local de seguridade serviu tamén para poñer ó día os datos relativos á prevención e loita contra a violencia de xénero na localidade e dos cambios normativos. Así acordouse impulsar as diferentes mesas de coordinación como paso previo á posible incorporación do Concello ó sistema Vioxen de seguimento das vítimas.

Tanto a subdelegada do Goberno como o alcalde resaltaron a boa coordinación existente entre a Policía Nacional e a Policía Local pero coincidiron en avanzar neste proceso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí