Noia Histórica dinamizará comercio e hostalería cunha innovadora campaña de Nadal

NOIA> A asociación Noia Histórica vén de poñer ne marcha a campaña deste Nadal enfocada principalmente a dinamizar o comercio e a hostalería. Unhas das principais novidades é o concurso de escaparatismo no que participan máis de trinta establecementos adheridos á patronal.

Xa está en marcha a campaña de Nadal de Noia Histórica con importantes novidades tanto para os establecementos participantes como para os seus clientes. Este ano, por primeira vez, realizarase un concurso de escaparatismo no que o establecemento gañador recibirá un premio de mil euros. Os locais repartirán ademais agasallos e máscaras entre os seus clientes que recibirán tamén un rasca por cada compra.

Este ano ademais, a campaña incorpora unha iniciativa para colaborar coa hostalería de xeito que o comercio local convidará ós seus clientes a unha consumición nos bares e restaurantes da vila.

O concello súmase á iniciativa co alumeado e ambientación das rúas así como os obradoiros e actividades de conciliación que organizarán durante tódalas festas.

Os máis pequenos poderán tamén achegarse ata a rúa do Curro para depositar as súas cartas no trineo de Papá Noel e xa en xaneiro recibirán a visita da caravana de Reis que percorrerá as parroquias para recoller as misivas dirixidas ós Magos de Oriente.