Varios treitos de vias autonómicas de Noia pasarán a titularidade municipal

NOIA> O concello de Noia incorporará ó inventario de bens municipais varias rúas que, ata o de agora, eran de titularidade autonómica. É o caso do treito da avenida Rosalía de Castro que discorre en paralelo á alameda, a travesía de San Bernardo ou a Costa do Ferrador.

Hai meses que o concello de Noia iniciou as xestións ante a Consellería de Infraestruturas para tramitar o cambio de titularidade de varias rúas do casco urbano, entre elas un treito da avenida de Rosalía de Castro. Tamén a travesía de San Bernardo pasaría a titularidade municipal en virtude do acordo entre o concello e a Xunta que executou unha serie de melloras de seguridade nesta vía co compromiso de reverter a súa titularidade ó concello unha vez finalizadas.

O concello solicitou tamén a transferencia da Costa do Ferrador que, trala posta en funcionamento da variante de Noia, adquiriu un carácter eminentemente urbano.

O cambio de titularidade implicará unha importante simplificación dos trámites tanto para os veciños como para o propio concello á hora de solicitar licencias e executar obras tanto nas propias rúas como nas propiedades que se atopan na súa contorna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí