A CIG denuncia a empresa Camsoar por abandonar a 14 operarios en Alemaña

PONTEVEDRA> A CIG denuncia a unha empresa de Poio por abandonar a 14 operarios en Alemaña. Trátase da construtora Camsoar SL.  O sindicato asegura que trasladará o caso ante a Inspección de Traballo e non descarta emprender accións pola vía penal.

A finais do mes de novembro, 14 operarios poñían marcha a Alemaña tras ser contratados pola empresa Camsoar, unha construtora con sede en Poio. Todos eles foron contratados para realizar unha obra de instalacións de fibra óptica. Un traballo polo que ían a percibir 3.500 euros ao mes, con dereito a un anticipo de 500 euros para facer fronte á viaxe. Pero cando se puxeron en marcha comezaron a notar que algo non ía ben.

Unha vez en Alemaña a situación complicouse aínda máis. As condicións laborais non eran as esperadas e a vivenda onde tiñan que instalarse era insalubre.

Ante esta situación, algúns dos traballadores decidiron abandonar o seu posto de traballo e regresar a Galicia. Actualmente, a metade xa está de volta e, o resto pide a súa repatriación. Dende o sindicato CIG denuncian esta situación e cren que a empresa foi creada para executar un fraude nesta obra.

A CIG asegura que xa denunciaron a empresa Camsoar ante a Inspección de Traballo e o sindicato non descarta emprender accións pola vía penal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí