CAMBADOS> O persoal do centro médico de Cambados manifesta o seu rexeitamento ás reformas do Sergas nas instalacións. Os profesionais advirten que as novas reixas instaladas nas fiestras dificultan as súas labores e chegan incluso a causar mareos. Piden ao Sergas que invista os cartos en medidas que sexan necesarias.
Máis dunha vintena de profesionais do centro médico de Cambados saíron hoxe a rúa para manifestarse contra as reformas do Sergas. O principal motivo da súa mobilización é a dificultade para traballar coas novas reixas instaladas nas fiestras.
As traballadoras temen que as reixas podan supoñer un perigo en caso de emerxencias ao tapar as fiestras.
Segundo o persoal do centro, o Sergas investiu nestes elementos máis de 10 mil euros. Os traballadores consideran que ese investimento sería máis necesario noutras áreas.
O persoal tamén indica que estas reixas dificultan a ventilación do centro ao limitar a apertura das fiestras. Un motivo máis de crispación nun momento tan esixente en plena loita fronte á covid.
Con esta mobilización os traballadores reclaman ao Sergas que retire as reixas e que teña en conta a súa opinión á hora de facer calquera modificación no centro.