NOIA> A aprobación do PXOM de Noia sufrirá un novo retraso tralo requirimento formulado por Augas de Galicia para acreditar a suficiencia hídrica. O estudo e a incorporación das modificacións ó documento suporá un prazo estimado dun ano.
No pasado pleno do mes de marzo aprobábase o convenio entre Augas de Galicia e o concello de Noia para a mellora do sistema de potabilización e da rede de abastecemento de auga. Isto require acreditar a suficiencia hídrica de cara á aprobación definitiva do PXOM, polo que o concello encargou un estudo para determinar que as dúas captacións das que dispón na actualidade garanten unha capacidade de entre 210 e 300 litros por habitante e día.
A realización deste estudo xunto coa introdución das modificacións suporá un prazo aproximado dun ano para poder someter o plan urbanístico a aprobación definitiva.