Oito confrarías piden que Rañeir@s non dirixa o Plan de Xestión do Libre

BARBANZA> Varias confrarías arousás demandan á Xunta de Galicia que aparte á asociación Rañeir@s da xestión do libre marisqueo. En total son oito os pósitos de ámbalas dúas marxes da ría que asinaron un manifesto conxunto solicitando á Mar que a entidade non dirixa o plan de xestión ata o 2023.

A través dun escrito presentado ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, as confrarías de Rianxo, Cabo de Cruz, A Pobra, Palmeira, Aguiño, Ribeira, Carril e Vilaxoán, denuncian as presuntas infraccións na dirección do Plan de Xestión do Libre Marisqueo por parte da asociación Rañeir@s da Ría. Esta entidade, naceu en 2018, integrada pola maior parte das confrarías de Arousa para asumir a xestión directa dos bancos de Cabío, O Bohído e Os Lombos do Ulla. Sen embargo, a falla de entendemento e os conflitos entre confrarías provocaron que a maioría abandonaran o proxecto quedando unicamente na actualidade os pósitos da Illa, Vilanova, Cambados e O Grove.

Ademais do fracaso do proxecto, as confrarías expoñen o seu malestar ante a actual xestión que, din, non está a cumprir co plan aprobado pola Consellería ata 2023. Por esta razón, piden a busca dun modelo alternativo e, no caso de non ser posible, que sexa a propia administración a que volva asumir a xestión das zonas de libre.

Pola súa banda, dende a Consellería sosteñen que o plan presentado por Rañeir@s foi aprobado en base a criterios técnicos  e legais. Aínda así, investigarán as irregularidades denunciadas polas confrarías discrepantes para que, no caso de confirmarse, iniciar o correspondente procedemento administrativo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí