A remodelación do acceso ao Campo da Feira do Mosteiro, a piques de arrancar

MEIS> As obras de mellora do acceso ao Campo da Feira do Mosteiro, en Meis, están a piques de comezar. O Concello xa executou a súa parte do proxecto, coa canalización das augas pluviais, co obxectivo de poñerlle fin ás inundacións que tódolos invernos se producen na zona. Agora, será a Deputación de Pontevedra a que reforme a vía, cun proxecto de humanización que busca integra-la vía na praza de España.

Este treito da estrada de acceso ó Campo da Feira do Mosteiro, en Meis, adoita asolagarse tódolos invernos.  Agora, a zona vai ser obxecto dunha remodelación integral para poñerlle fin ás enchentes.

O proxecto foi divido en dúas fases. A primeira xa foi executada, coa canalización das augas pluviais. Uns traballos que asumiu o Concello.

Agora, é a Deputación de Pontevedra a que se vai poñer mans á obra, coa reforma deste acceso ao Campo da Feira do Mosteiro. O proxecto inclúe a humanización da vía,  cunha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas e mobiliario urbano.

A actuación será financiada por ambas administracións. O organismo provincial asume o 70% do custo e o restante, o goberno local.

Ademais, o inicio destes traballos, que estarán rematados en catro meses, coincidirán co arranque doutra obra na zona: a remodelación do Mercado Municipal. Para este proxecto, o Concello de Meis vai destinar outros 100.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí