Pontevedra estuda mudar a escaiola do falso teito do Teatro por madeira

PONTEVEDRA> Xa están en marcha as obras de emerxencia contratadas polo concello de Pontevedra para arranxar o falso teito do Teatro Principal. A intervención deu os primeiros pasos. Foi preciso retirar todas as butacas para, nos vindeiros días, instalar as estadas necesarias para traballar na escaiola do teito. Hoxe o alcalde visitou estes primeiros avances e aclarou que se está a estudar a posibilidade de substituír esta escaiola por madeira.

Xa están en marcha as obras de emerxencia para reparar o falso teito do Teatro Principal. Os traballos comezaron coa retirada de todas as butacas, para deixar espazo ás estadas necesarias para acceder ao teito.

Agora os técnicos están a estudar a mellor solución para arranxar este falso teito con todas as garantías de seguridade. A falta de man de obra especializada e o estudio acústico serán fundamentais para decidir. Sobre a mesa, está a posibilidade de substituír a escaiola por madeira.

O Teatro está pechado dende a caída do falso teito o pasado 20 de marzo. Inicialmente, as obras deberían estar rematadas a mediados de outubro. A complexidade da intervención, orzamentada en 220.000 euros, pode condicionar tamén os prazos iniciais, de seis meses dende o inicio da obra.

Ademais dos traballos no falso teito, aproveitarase a retirada dos asentos para limpar e envernizar o chan de madeira. En canto ás butacas, estanse avaliar diferentes opcións.

De xeito paralelo, continúan outras intervencións xa previstas no edificio, como a instalación do ascensor, a reforma dos baños e a impermeabilización das terrazas para solucionar algunhas filtracións.