O Areeiro estrea anfiteatro cunha degustación do té da súa marca polo Día Internacional do Té

PONTEVEDRA> A Finca Areeiro, en Pontevedra, estrea anfiteatro. A Deputación de Pontevedra inaugurou hoxe este espazo, pensado para achegar ao público a realidade do sector primario e o labor de innovación que realiza a Estación Fitopatolóxica. Esta estrea fíxose coincidir coa posta en valor da marca Té Areeiro, producida nesta estación, co gallo do Día Internacional do Té.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro conta dende hoxe cun novo espazo. Esta mañá inaugurouse o anfiteatro da finca, pensado para achegar ao público a realidade do sector primario e o labor de innovación e investigación que se realiza na Estación.

A estrea deste novo espazo fíxose coincidir co Día Internacional do Té. Así, o anfiteatro acolleu unha degustación da bebida da marca Té Areeiro, nada no 2023, e que produce té a partires das camelias de plantacións propias da Estación.

López puxo en valor a traxectoria de máis de 25 anos de investigación no cultivo de té que converten á Estación Fitopatolóxica do Areeiro nunha referencia. Pero non só neste eido. Apra o presidente, o labor dos seus profesionais é crucial para garantir o futuro do sector gandeiro e da actividade económica no rural da provincia.

O presidente provincial destacou tamén que catro dos cinco xardíns recoñecidos en España co distintivo de excelencia internacional da camelia están na provincia e dous deles, o da Finca Areeiro e do Castelo de Soutomaior, pertencen á Deputación.