A rehabilitación integral do Valle-Inclán comezará no 2023 cun orzamento de 4,7 millóns de euros

PONTEVEDRA> A reforma integral do Instituto Valle-Inclán de Pontevedra terá un orzamento de 4,7 millóns de euros. Así o anunciou esta mañá o Conselleiro de Educación. Román Rodríguez visitou esta mañá o edificio de 114 anos, cuxa rehabilitación actuará en tres eidos: enerxético, estrutural e funcional. As obras iniciaranse no primeiro trimestre de 2023. Terán un prazo de execución de 16 meses e serán compatibles coa actividade lectiva.

A Xunta de Galicia concreta o proxecto de rehabilitación do instituto pontevedrés Valle-Inclán. A actuación terá un orzamento de 4,7 millóns de euros, que se empregarán ha rehabilitación enerxética, estrutural e funcional do edificio, que ten xa 114 anos de historia.

O centro ten unha superficie de 8.300 metros cadrados. Conta con 323 ventás, que fan máis necesaria aínda a actuación para mellorar a eficiencia enerxética. Segundo os cálculos iniciais, permitirá un aforro de preto dun 60% de enerxía primaria.

No referente a rehabilitación estrutural, reforzaranse os forxados, renovarase a estrutura metálica do patio cuberto e mellorarase a seguridade. Tamén se limpiará e tratará a fachada, e renovaranse os aseos e vestiarios do soto.

A intención da consellería é sacar as obras a licitación canto antes, para que os traballos estean en marcha no primeiro trimestre do 2023. O prazo de execución é de 16 meses e a intención é compaxinar a intervención coa actividade lectiva.

No 2021, Educación presentara un primeiro proxecto de rehabilitación para o instituto Valle-Inclán cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Segundo explicou o proio Rodríguez, as catas realizadas neste tempo e o incremento de prezos pola crise internacional, situaron nos 4,7 millóns de euros o investimento para esta reforma integral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí