O goberno de Boiro traslada a súa proposta de orzamento ós grupos da oposición

BOIRO> O concello de Boiro traballa na elaboración dos orzamentos para o presente exercicio. O executivo xa remitiu unha proposta ós grupos da oposición que deberán agora formular as súas achegas.

O goberno de Boiro entregou un borrador dos orzamentos ós grupos da corporación que apoiaron a súa investidura. O concello traballou ó longo de 2020 cos presupostos prorrogados. a pesar de que a intención do executivo era elaborar uns novos orzamentos, as dificultades económicas obrigaron a aplicar un Plan Económico Financeiro para 2020 e 2021.

Ademais, a imposibilidade de modificar o capítulo de investimentos, dedicado integramente á rehabilitación do pazo de Goiáns e á nova sede do Club de Remo de Cabo de Cruz, impediu a elaboración dos orzamentos polo que se prorrogaron durante o 2020.

O executivo pretende agora aprobar para 2021 un orzamento adaptado ás necesidades do municipio derivadas da crise sanitaria. Trátase dunha proposta baseada na contención, ante a actual conxuntura económica que presneta unha caída progresiva de gastos e ingresos. Agora, os grupos políticos poderán realizar as súas achegas para a posta en común entre tódalas forzas do concello para aprobar uns presupostos realistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí