PONTEVEDRA> O programa Emprega Salnés da Mancomunidade celebrou hoxe o seu décimo aniversario. Fíxoo cun encontro empresarial, o segundo na súa historia, para agradecer ás empresas da contorna o apoio prestado para conseguir o seu obxectivo: formar a desempregados da comarca para ofrecerlles novas oportunidades laborais. Ata o de agora, preto dun milleiro de persoas xa se beneficiaron desta iniciativa, que o ano pasado acadou unha porcentaxe de inserción do 70%.
A Mancomunidade do Salnés celebrou hoxe o aniversario dun dos seus programas estrela. O Emprega Salnés cumpre dez anos.
A iniciativa naceu en plena crise económica. Superou os momentos de recesión e o mazazo que a pandemia supuxo para o mercado laboral, conseguindo importantes éxitos en contextos complicados.
Neste Emprega Salnés a iniciativa pública e privada van da man. A Xunta financia o programa que xestiona a Mancomunidade. Hoxe o ente comarcal celebrou o segundo encontro empresarial, para agradecer ás empresas o seu apoio.
Informática, elaboración de viños, pilotaxe de drons, soladadura, caixeiro, xestións de almacéns, son algunhas das formacións que se ofertaron neste tempo, adaptándose ás necesidades do mercado laboral.
Dende a Xunta apuntan que dende 2009, destináronse case 95 millóns de euros á realización dos programas integrados de emprego, o que permitiu formar a máis de 50.000 persoas en Galicia.