PONTEVEDRA> O recurso de amparo do Concello de Pontevedra contra a prórroga de ENCE chegará ao Tribunal Constitucional no mes de setembro. O alcalde da cidade, os servizos xurídicos municipais e a asesoría externa contratada como reforzo mantiveron esta mañá unha reunión para coordinar esta estratexia.
A prórroga concedida a ENCE para manterse en Lourizán ata o 2073 chegará ao Tribunal Constitucional no mes de setembro. O concello de Pontevedra confirmou hoxe que presentará un recurso de amparo trala decisión do Supremo de rexeitar os recursos do propio concello e da avogacía do Estado.
Segundo explicou o exministro Francisco Caamaño, representante do bufete CSS Abogados contratado polo concello, a estratexia legal basearase na chamada ‘denegación técnica de xustiza’.
Caamaño apuntou que o fallo do Supremo tamén vai en contra da xurisdicción do propio Constitucional. Así as cousas, recoñeceu que só un 2% dos recursos de amparo son admitidos a trámite.
O proceso que se abrirá trala presentación do recurso é longo. O Constitucional pode tardar entre 6 e 8 meses en anunciar se admite o amparo ou non. Para ditar sentenza, os prazos amplíanse ata os 4 ou 5 anos. O alcalde insistiu hoxe en que se o Constitucional non dá a razón ao concello, se recorrerá ao Tribunal Europeo.