Desánimo entre os comerciantes tralo endurecemento das restriccións

BOIRO> Rúas practicamente baleiras e comercios sen apenas clientes. Así foi o primeiro día trala entrada en vigor das novas restricións que ademais do peche total da hostalería establecen o límite de horario ás seis da tarde para os establecementos esenciais.

O desánimo era esta mañá a tónica xeral dos comerciantes de Boiro. Se ben o tempo chuvioso non acompañaba a entrada en vigor das novas restricións, co adianto do horario de peche, augura unha caída xeneralizada das vendas.

Ademais da limitación dos horarios que, en moitos casos, obriga a reorganizar quendas e mesmo a prescindir de traballadores, o peche da hostalería supón tamén un golpe para o comercio posto que limita a afluencia de potenciais clientes.

Se ben consideran que estas restricións suporán un pau para o sector, recoñecen que non chegan en mal momento, pasada a campaña forte de Nadal onde as vendas se mantiveron.

Aínda así, a maioría cre que as tres semanas decretadas inicialmente non serán suficientes e auguran que a situación podería prolongarse ata pasada a Semana Santa.

Na rúa, as opinións son máis diversas. Se ben a maioría dos cidadáns entenden que era necesario o endurecemento das medidas, moitos non ven con bos ollos que sexan comercio e hostalería os principais damnificados posto que constitúen sectores fundamentais para a dinamización económica dos pobos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí