O Sergas asegura que a praza do pediatra de Meaño non se vai amortizar

MEAÑO> O Sergas asegura que a praza do pediatra de Meaño, que comparte con Meis, non se vai amortizar. Dende Sanidade aseguran que por mor da pandemia non dan atopado un facultativo que ocupe a praza. No Concello confían en que o problema se solucione axiña. A día de hoxe uns 500 nenos do municipio son atendidos no centro de Baltar.

O Sergas nega que se vaia amortiza-la praza de pediatra que Meaño comparte con Meis. O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantivo unha xuntanza telemática co alcalde meañés, onde lle trasladou ese compromiso.

Mentres ese servizo non se repón, uns 500 nenos da localidade, canda os de Meis, son atendidos no ambulatorio de Baltar. Unha situación que se vén producindo dende hai meses.

O alcalde recoñece o malestar dos veciños pola falta dese servizo.

O alcalde tamén aproveitou a reunión para reclamarlle ó Sergas a reposición dunha praza dun facultativo no ambulatorio de Meaño. O doutor que había xubilouse no mes de novembro, sen que polo momento se cubrise a vacante.

No Concello, polo momento, descartan retoma-las mobilizacións, confiando en que o Sergas cumpra a súa palabra e que máis axiña que tarde Meaño recupere eses dous facultativos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí