NOIA> O Xulgado de Instrución de Noia vén de abrir dilixencias penais contra a empresa que xestiona a mina de San Finx, por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais. Faino despois da denuncia presentada polos patróns maiores das confrarías de Noia e de Portosín, Santiago Cruz e Isaac Gaciño, respectivamente, na que se incluía evidencia da contaminación que está provocando a explotación mineira situada en Lousame.
A denuncia presentada nos Xulgados de Noia incorporaba tamén as analíticas coas que se evidencia a presenza no río de metais pesados procedentes dos vertidos ilegais realizados pola mineira e tamén vídeos e imaxes nos que se observa claramente o punto no que os vertidos se incorporan ó leito do río. Para os dous pósitos denunciantes, a situación actual é só unha mostra do que podería acontecer a unha escala moito maior no caso de que se leve adiante o baleirado das plantas inundadas, xa que suporía duplicar o caudal do río, cunha inxección de case 1000 millóns de litros por ano.
No seu escrito as confrarías tamén aluden ós presuntos bombeos ilegais realizados pola empresa entre 2017 e 2020 de augas contaminadas da quinta planta da mina, escavada sen autorización e que non figuraba no proxecto de explotación. Esta é unha das múltiples accións xudiciais coas que se pretende protexer a Ría dunha catástrofe ambiental anunciada.
Ademais das dilixencias penais contra a empresa polo Xulgado de Noia, o Xulgado de Santiago iniciou tamén outro procedemento contra os funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia responsables pola resolución de vertido concedida o pasado mes de febreiro.A isto súmanse outros dous procedementos xudiciais contra funcionarios e altos cargos do departamento de minas a raíz da situación irregular da propia mina.
Ademais, as confrarías anunciaron que presentarán esta mesma semana unha demanda contra a autorización de vertido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha vez que a Xunta non deu resposta ó recurso de alzada presentado por unha ducia de entidades a pesar da súa obriga de resolvelo en tres meses.