RIBEIRA> Os bombeiros de Ribeira interviñeron esta pasada madrugada nun incendio declarado no porto de Ribeira onde arderon máis dun cento de nasas. As perdas para o propietario ascenden a preto de catro mil euros. Todo apunta a que o lume foi intencionado.
Foron varios os particulares que deron aviso ó 112, pasadas as dúas da madrugada, ante a virulencia do lume visible dende toda a fachada marítima. A rápida intervención dos bombeiros evitou que as lapas se estendesen por todo o material de pesca, logrando recuperar unhas 80 nasas das 130 afectadas.
Ata a zona desprazáronse tamén efectivos da policía local e nacional que colaboraron cos bombeiros no operativo. Traballan agora na investigación dos feitos ante a sospeita de que o incendio puidera ser intencionado.
Este novo suceso volve dar a razón ós usuarios do porto sobre a necesidade de incrementar a vixilancia. Dende a confraría levan anos demandando o peche dos accesos e a contratación de persoal na quenda de noite para evitar roubos e actos vandálicos como o que vén de acontecer.











