O Sergas devólvelle ao Concello de Meis as chaves do consultorio de Paradela

MEIS> O Sergas devólvelle ao Concello de Meis as chaves do consultorio de Paradela. O local, de titularidade municipal, leva sen uso dende a pandemia. Agora, o concello pretende arranxalo e dotalo de usos. O máis inmediato vai ser o traslado da educadora social a unha das súas salas.

O consultorio de Paradela estivo operativo durante décadas no baixo deste inmoble, propiedade do concello de Meis. Coa pandemia, hai xa case cinco anos, a Xunta pechouno. Hoxe, logo de varias peticións do goberno local, o Sergas devolveulle as chaves ao Concello de Meis.

O concello está a estudar varios usos para as distintas salas coas que conta o espazo. O máis inmediato vai ser o traslado da educadora social a un dos despachos.

Para ese traslado, antes haberá que facer neste inmoble algunha que outra reparación. Os técnicos van avaliar en breve o seu estado, para arranxalo o antes posible.

Ademais deste consultorio, pechado dende o 2020, en Meis queda aínda outro dispensario en San Martiño, xunto co ambulatorio da Rochela. Instalacións que perderán o seu uso cando comece a funcionar o novo centro de saúde meisino. Neste sentido, a alcaldesa lamenta o escaso compromiso da Xunta co proxecto, á vista das partidas que aparecen para el nos orzamentos do goberno galego para o ano que vén.

E conclúe Marta Giráldez, debería das explicacións a Xunta de Galicia e tamén o PP de Meis, por ter ido á Finca de Parga sacar unha foto co daquela conselleiro na campaña electoral das pasadas autonómicas para dar uns prazos que logo non se cumpriron.