NOIA> O concello de Noia segue a dar pasos para dotar de maior accesibilidade a todo o municipio. Grazas a unha achega da Deputación da Coruña, estase a executar a mellora integral da rúa Calzada que conecta o núcleo urbano de Noia coa parroquia de Santa Cristina.
O investimento de máis de 238 mil euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o concello de Noia, suporá unha remodelación integral da rúa Calzada. Ademais de corrixir as deficiencias que presentaba a rede de saneamento e o problema de desaugue de pluviais que discorrían pola calzada, procederase á pavimentación da estrada cunha nova capa de rodaxe e a construción de novas beirarrúas.
Aproveitarase a intervención para incrementar a accesibilidade na zona posto que había puntos nos que non era posible o tránsito de persoas con mobilidade reducida. Tamén se flexibilizará a rasante das beirarrúa para nivelar aquelas vivendas que na anterior reforma quedaran a unha altura desigual polo que precisaban salvar varios escalóns para acceder ó seu interior.
A instalación de luminarias e a nova sinalización virán complementar as actuacións nesta vía que, ademais de conectar o casco coa parroquia de Barro, supón o principal acceso ó cemiterio de Santa Cristina.