Entran en funcionamento os cambios circulatorios na Ribeiriña

A POBRA> Esta mañá entraban en funcionamento, de maneira provisional, os cambios de circulación nun tramo do Camiño Real, na zona da Ribeiriña. O executivo decidiu poñer sentido único nun tramo deste vial co fin de mellorar a circulación pola zona.

De xeito provisional, atendendo a un informe elaborado pola Policía Local,  a circulación no Camiño Real será de sentido único, dirección A Pobra-Boiro, establecendo ademais a entrada polas inmediacións da Mercé. É un cambio temporal que o executivo local xa lle notificou previamente á veciñanza do lugar.

Segundo explicou o propio alcalde, Xosé Lois Piñeiro, o cambio busca mellorar ós problemas de fluidez de tráfico na zona, debido á estreiteza da rúa que impide o paso simultáneo de dous vehículos.

Está previsto que no prazo dunhas semanas se realice unha consulta ós veciños da zona para analizar o seu nivel de conformidade con respecto ós resultados desta medida. Tamén se recollerán as propostas que teñan en materia de seguridade viaria na zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí