RIBEIRA> Presentadas preto de tres mil sinaturas no concello de Ribeira para denunciar o mal funcionamento do servizo de transporte que presta a empresa Monbus. Os usuarios demandan que se cumpran os horarios e frecuencias previstas así como un mellor mantemento da flota de autocares.
Esta campaña de recollida sinaturas xurdiu a raíz dunha iniciativa veciñal ante o elevado número de queixas dos usuarios do transporte público.
Liñas sen apenas frecuencia, incumprimento de horarios ou autobuses que nin tan sequera fan as paradas establecidas son tan só unha pequena parte da multitude de eivas que presenta o servizo dende que fora adxudicado á empresa Monbus.
Piden ademais a colocación de horarios nas marquesiñas das distintas paradas así como un mellor mantemento dos autocares posto que algúns se atopan en moi mal estado. Xunto coas preto de 3 mil sinaturas recollidas, as veciñas solicitan un encontro co alcalde así como con responsables da Xunta e da propia empresa.