O Tribunal avala o peche ao tráfico de Raíña Vitoria e o concello aposta por facelo permanente

PONTEVEDRA> Pontevedra agarda facer permanente o peche ao tráfico da avenida Raíña Vitoria. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de mobilidade. Demetrio Gómez fixo pública unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avala a medida tomada hai un ano, que se xustificou na necesidade de gañar máis espazo para o instituto Sánchez Cantón durante a pandemia. Con esta cuestión resolta, o goberno avanzará nos estudos para avaliar o impacto do peche sobre o tráfico que, aseguran, está a ser positivo.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala  o peche ao tráfico da avenida Raíña Vitoria. A maxistrada desestima o recurso presentado contra o bando que anunciaba a medida polo avogado pontevedrés Evaristo Estévez e apoiado por Aempe, a Asociación de Jóvenes Empresarios, a Cámara de Comercio e os hostaleiros de Hoempo.

En setembro cumpriuse un ano desta decisión, que o goberno local xustificou nun primeiro momento na necesidade de gañar espazo para o alumnado do instituto Sánchez Cantón en tempos de pandemia. Coñecida a sentenza, a intención do concello é manter o peche.

Gómez explicou que a semana que vén farán públicos os datos dos informes que lles permiten facer estas afirmacións. Pero xa adiantou que as rúas Echegaray e Eduardo Pondal reduciron o tráfico nun 20%.

En canto á construción en Raíña Vitoria do comprometido skatepark, o concelleiro de Obras asegurou que aínda non hai data prevista.

Pola súa banda, o promotor do recurso contra o bando xa adiantou que non vai interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Evaristo Estévez cre que a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non ampara o peche definitivo da avenida, pero recoñece que a peonalización non tivo a suficiente contestación social e cidadá para seguir adiante coa oposición.