VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía prepara a humanización da rúa Sobrán, en Vilaxoán. A actuación conta cun orzamento de 600.000 euros, e mellorará os 700 metros de rúa que unen a zona da igrexa de San Martín con Faxilde. A obra comezará este mesmo ano e financiarase con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Os veciños de Vilaxoán pronto verán atendida unha das súas demandas históricas. O concello de Vilagarcía humanizará a rúa Sobrán. O proxecto conta cun orzamento de 600.000 euros, que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e contempla, entre outras actuacións, a mellora da seguridade viaria coa creación dunha plataforma única.
Desta mellora na seguridade beneficiarase, tamén, o colexio de Vilaxoán.
Isto no referente á seguridade viaria, pero o proxecto actuará tamén nas canalizacións de servizos e do saneamento.
As obras afectarán a un treito de case 700 metros, que une a igrexa de San Martín con Faxilde. Está previsto que poidan comezar este ano, e contan cun prazo de execución de seis meses.
Coa humanización da rúa Sobrán xa comprometida, os veciños recordan a Ravella outras cuestións pendentes para Vilaxoán. Entre elas, a recuperación para a veciñanza da fonte de Faxilde e o uso do coñecido Campo do Monaguillo como aparcadoiro público.