A Feira do Automóbil Eléctrico de Ribeira consolídase na súa sétima edición con éxito de vendas

RIBEIRA> A sétima edición da Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira pechou as súas portas cun balance do máis exitoso. Ó gran volume de visitantes que se achegaron ata a praza de España durante a fin de semana engadiuse o elevado índice de vendas que roldou o 25 por cento.

As altas temperaturas rexistradas durante a fin de semana non foron impedimentos para os centos de visitantes que se pasaron pola Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira.  Os asistentes puideron coñecer os últimos modelos do mercado expostos na praza de España. O balance desta sétima edición foi do máis satisfactorio, tanto no que respecta a número de visitantes como de vendas.

A aposta pola eficiencia enerxética ten tamén a súa recompensa en materia fiscal, tal e como indicou o Conselleiro de Facenda que este domingo se desprazou ata a feira.

Dende a entrada en vigor desta medida no ano 2014, foron máis de 173 mil galegos os que se beneficiaron desta rebaixa fiscal á hora de adquirir un vehículo moito máis eficiente contribuíndo así á renovación do parque móbil de Galicia.