SANXENXO> A Xunta de Galicia ampliará o acceso a Sanxenxo dende a Lanzada pola vía rápida. A obra foi licitada hoxe, e conta cun orzamento de case 335.500 euros. O plan pasa por desdobrar a actual saída con dous carrís ata a rotonda de Vinquiño. Está previsto que os traballos poidan comezar despois do verán.
A Xunta prepara o desdobre do acceso a Sanxenxo pola vía rápida dende a Lanzada. Hoxe anunciouse a licitación da obra, que conta cun orzamento de case 335.500 euros. As empresas interesadas terán ata o 5 de abril para presentar ofertas.
Do orzamento total, preto de 20.000 euros destinaranse a sufragar as expropiacións necesarias para esta obra, que afectan a sete propietarios. O obxectivo do proxecto é aumentar ata nun 40% a capacidade e mellorar a fluidez do tráfico.
Está previsto que as obras comecen despois do verán, e contan cun prazo de execución de 12 meses. Segundo o alcalde, trátase dunha actuación que terá un importante impacto no tráfico en Sanxenxo. Sobre todo na tempada de verán.
Ethel Vázquez inidicou que a actuación prevé levarse a cabo de xeito paralelo dunha solución para a ampliación da vía rápida do Salnés. A conselleira lembrou que se trata dunha das zonas de Europa que concentra máis figuras de protección ambiental, o que limita as posibilidades de actuación sobre o territorio. Así as cousas, a titular de Infraestruturas sinalou que a Xunta continúa traballando co obxectivo de atopar unha fórmula axeitada para acometer a ampliación.