SANXENXO> Cinco hoteis de Sanxenxo beneficiáronse dunha liña de axudas da Xunta para a mellora da súa eficiencia enerxética. En conxunto, recibiron unha subvención de 670.000 euros. Esta mañá o delegado do goberno galego en Pontevedra, xunto co alcalde sanxenxino, visitaron un deses establecementos. Salientan que este tipo de axudas permiten seguir reforzando a ‘marca Sanxenxo’, entendida como sinónimo de calidade.
O Hotel del Mar está situado en pleno centro do paseo Marítimo de Silgar. Este é un dos cinco establecementos hoteleiros de Sanxenxo que se viron beneficiados dunha liña de axudas da Xunta para a mellora da eficiencia enerxética.
Desa cantidade total, 150.000 euros foron para este hotel de dúas estrelas. O establecemento atópase aínda nestes momentos cos derradeiros retoques da súa reforma, na que se apostou -entre outras cousas- por unha nova iluminación eficiente ou o cambio de ventás, para un maior illamento.
O alcalde da localidade felicitou aos responsables deste hotel pola reforma. Telmo Martín di que este tipo de renovacións serven para seguir reforzando a ‘marca Sanxenxo’.
Por outra banda, o delegado da Xunta en Pontevedra animou a hoteis como este a adherirse ao bono turístico do goberno galego, que busca desestacionalizar o turismo.
O bono turístico permite a cada persoa descargar dous bonos de 150 euros dos que a Xunta asumirá o 40%.