Pontevedra únese ás familias do Villa de Pitanxo para reclamar que se baixe ao barco

PONTEVEDRA> A corporación de Pontevedra únese ás familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo para reclamar que se baixe ao barco afundido en Terranova. Esta mañá no pleno leuse o texto aprobado de maneira unánime polos concelleiros pontevedreses. Nel, manifestan o seu desacordo coa decisión do Goberno Central de non baixar ata o pecio afundido. Unha representación das familias asistiu á sesión.

‘Sempre con nós, aínda que sen vós’. Con este cartel as familias dos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo recordan á tripulación do barco.

Esta mañá en primeira fila asistiron á lectura da declaración institucional na que a corporación de Pontevedra fixo súas estas demandas das familias.

O texto que se leu no pleno de hoxe foi aprobado por uninamidade por todos os concelleiros pontevedreses. Nel recordan que o pronunciamento da Fiscalía, que apunta á existencia de indicios de 21 casos de homicidio imprudente no naufraxio, fai aínda máis necesario que se obteñan imaxes do pecio afundido en Terranova.

A intención das familias é que cada vez sexan máis os concellos que decidan apoiar as súas reclamacións.