RIBADUMIA> A rúa Condesa de Ribadumia xa está a pleno rendemento. A vía foi obxecto dunha remodelación integral, grazas a un convenio entre o concello e a Deputación de Pontevedra, que supuxo un investimento de máis de 700.000 euros. Ademais da creación de novas beirarrúas e a renovación dos servizos creáronse dúas áreas de estacionamento, unha delas pensada para que os autobuses do colexio poidan deixar e recoller a rapazada. Esta mañá percorreu esa rúa o presidente da Deputación, que avanzou unha nova actuación no acceso principal do Julia Becerra Malvar.
Esta é a nova da contorna do colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia. As obras da rúa Condesa acaban de rematar, logo dun investimento de 700.000, financiadas ao 70% pola Deputación de Pontevedra. A actuación supuxo a renovación de todos os servizos, beirarrúas máis amplas e novas zonas de estacionamento. O presidente provincial percorreu esta mañá a vía, xunto co alcalde e membros do goberno local.
Tamén amosa a súa satisfacción o alcalde de Ribadumia, con palabras críticas contra a oposición, por ter cargado no seu día por como se estaba a xestionar esta obra, financiada agora a través dun convenio, pero moi polémica no seu día por ter perdido fondos provinciais tanto do Plan Ágora como do Reacpon.
Da obra salientan a mellora da seguridade viaria na contorna escolar. Tamén fixeron fincapé nas dúas novas bolsas de estacionamento que se crearon. Esta na que os autobuses poden deixar e recoller os nenos do colexio e estoutra, que obrigou a demoler as antigas instalacións de protección civil, agora de forma provisional na casa da cultura de Besomaño. Sobre as futuras instalacións da agrupación, o alcalde di que están a buscar unha localiación definitiva.
A visita do presidente provincial deixa tamén outro anuncio en Ribadumia. Luis López avanzou que se van investir outros 700.000 euros nunha nova humanización nesta área anexa á zona na que xa se actuou.