RIBADUMIA> Ribadumia volveu marchar de ruada para darlle visibilidade ao colectivo LGBTIQ+ tamén no rural. A asociación Gotas organizou un ano máis un completo programa de actividades para reivindicar a diversidade afectiva, sexual e de xénero. Durante toda a fin de semana o municipio acolleu a Ruada das Gotas.
A entidade leva xa oito anos organizando a Ruada, cada vez con máis forza e cunha mellor resposta por parte do público.
Na parte festiva, a edición deste ano contou coas actuacións de Sheila Patricia, a quen estamos a ver. Tamén pasaron pola Ruada O Xoán, El Nido ou Señora DJ. Na parte máis institucional, o alcalde de Ribadumia foi o encargado de darlle lectura ao manifesto. Tralo manifesto, tivo lugar a entrega dos ‘Ovos Dourados’.
O domingo continuou a programación cunha exhibicón de zumba, a actuación do grupo Maricarme e un concurso de tortillas. Entre os membros do xurado tamén estivo o alcalde de Ribadumia. David Castro salienta a importancia do traballo de Gotas, que está a converter ao municipio nun referente a prol dos dereitos das persoas LGBTIQ+ e de valores como o respecto e a tolerancia.
A programación do mes da diversidade pecharase con dúas actividades máis: unha festa de clausura o día 26 e, por último, unha charla do Servizo Quérote+.











